O Síndrome Kodak | OneFootball

O Síndrome Kodak | OneFootball

In partnership with

Yahoo sports
Icon: moiceleste.com

moiceleste.com

·5 marzo 2025

O Síndrome Kodak

Immagine dell'articolo:O Síndrome Kodak
Immagine dell'articolo:O Síndrome Kodak

En 1888, George Eastman fundou Kodak, revolucionando a fotografía co seu lema "Vostede aperte o botón, nós facemos o resto", e converténdose no líder do mercado. Cun departamento de I+D+i altamente innovador, financiado en parte por contratos co Departamento de Defensa dos EE.UU., Kodak inventou a primeira cámara dixital nada máis e nada menos que en 1975.

Porén, a incapacidade dos seus directivos para adaptarse ao cambio e a súa dependencia do negocio tradicional de rolos de película levaron a empresa á quebra en 2012, incapaz de adaptarse á súa propia innovación. Nestes días xurdiron voces sobre a conveniencia ou non de alcanzar competicións europeas. Ao igual que Kodak, o Celta ten o potencial de alcanzar grandes éxitos, pero tamén corre o risco de queimarse rapidamente se non xestiona ben os seus recursos.


OneFootball Video


A falta de experiencia e a presión de competir a un nivel máis alto poden ser abafantes. Sen unha visión clara e unha estratexia sólida, o Celta podería atoparse nunha situación similar á de moitas startups que se expanden demasiado rápido e terminan colapsando por falta de recursos e planificación. E de planificación non se pode presumir moito nos últimos anos. Alcanzar Europa pode soar fermoso ao afeccionado. Quizais non tanto á directiva, pouco ou nada disposta a facer gastos por moi necesarios que sexan. Sendo honestos, preparar un equipo para competir en Europa supón un incremento de orzamento de arredor do 15 ao 25 por cento.

E falamos de competir, simplemente. Non de crear un equipo que teña verdadeiros mimbres para poder alcanzar fases avanzadas da competición. Os ingresos axudan, pero non son especialmente xenerosos para o esforzo de creación desas plantillas. Cada equipo na fase de grupos recibe aproximadamente 3,63 millóns de euros, con pagos adicionais de 630.000 euros por vitoria e 210.000 euros por empate. Ademais, os equipos que avanzan na competición reciben pagos crecientes, desde 500.000 euros nos dezaseisavos de final ata 4,6 millóns na final, cun premio adicional de 4 millóns para o campión.

Tamén se distribúen fondos baseados no coeficiente UEFA e o valor do mercado televisivo no seu país de orixe. Pero como mencionei antes, iso implica un incremento nas plantillas dun orzamento elevado. Logo está o tema da mocidade e a plantilla 'low cost' que temos. ¿Como vendes renovacións contidas (Carreira, Alfon...) cun incremento de ingresos para a tempada seguinte? ¿En que se xustifica a contención? Unha plantilla que ten por natureza ocos nalgunhas posicións (O mediocentro creativo que levamos anos reclamando... que nin está nin se lle espera, por exemplo) ¿como pode afrontar con garantías tres competicións?

A miña opinión é que este equipo merece fixarse por si mesmo o obxectivo que teña que ser. Gañárono tanto no campo como no vestiario. E os demais, sobre todo os que teñen responsabilidades, deberían facer o mellor dos esforzos para aliñarse con eles. Son eles os que puxeron todo o empeño. E se a dirección non é capaz de estar ao nivel da súa plantilla, entón é que temos un grave problema. O "síndrome Kodak" é un recordatorio de que incluso as empresas con grandes innovacións poden fallar se non teñen unha visión clara e non se adaptan aos cambios do mercado. Para o Celta, a clave será atopar un equilibrio entre aproveitar o seu talento novo e asegurarse de que teñen os recursos e a estratexia necesarios para competir a nivel europeo sen comprometer a súa estabilidade a longo prazo.E parece.o día de hoxe, un obxectivo complexo.

Visualizza l' imprint del creator