'Tranquilo, Majete' | OneFootball

'Tranquilo, Majete' | OneFootball

In partnership with

Yahoo sports
Icon: moiceleste.com

moiceleste.com

·25 de enero de 2025

'Tranquilo, Majete'

Imagen del artículo:'Tranquilo, Majete'
Imagen del artículo:'Tranquilo, Majete'

Foto: Ángel Martínez / Getty Images

Quen me coñece e seguiu a miña liña editorial sabe que, por norma xeral, adoito ser bastante crítico coas decisións deportivas da administración Mouriño. Non por inquina, senón por criterio. Isto inclúe tanto a Carlos como a Marián. Exonero a Marián de moitos erros do seu pai, pero tamén lle critiquei -con coñecemento- a súa falta de saber facer nas primeiras decisións do seu mandato. Agardemos que, pouco a pouco, vaia gañando coñecemento noutras áreas do club. Gústame que estea ao mando do club unha muller. Xa era hora neste mundo casposo e machista.


OneFootball Videos


Cando alguén fai as cousas mal, hai que dicilo, e cando toma decisións moi acertadas, tamén. Creo na crítica como proceso de mellora e non como arma arroxadiza. E xa sei que non está de moda neste país acostumado a ter a pel fina como a á dunha mosca.

Se de algo sabe Marián Mouriño é de Marketing. Sen dúbida, é unha profesional extraordinaria neste ámbito. O marketing domínao. Sabe onde tocar, sabe onde ir. Non é algo improvisado, non son ideas felices. É analítica, é persistencia, é coñecemento, é traballo. Sair nun programa de televisión en prime time non é cuestión baladí, e a súa intervención foi todo un éxito. Ben preparada, con aplomo, con moita soltura, cunha entrada realmente atinada, cunha iniciativa que repercutiu e segue repercutindo nas redes sociais. A presidenta estivo sublime, sen rebaixas. Estivo sobresaínte.

O que me deixou claro Marián nesta entrevista é o enorme reto que ten que afrontar como presidenta. A narración do acontecido no Bernabéu deixa moi claro que a dirección do deporte que amamos segue sendo un coto pechado, rancio e purulento de machismo e despotismo de altas esferas.

"'Tranquila, mujer, tranquila'". Su florentineza en plena esencia, na súa versión machirulenta máis desgarradora. 'Tranquila, muller, tranquila... que xa o teño todo arranxado coa Federación, co VAR, co CTA e con quen sexa para chegar á final, así que non te alporices muller'.

A Copa do Rei é un puro chanchullo. Cando un tira dos datos, a realidade é un abismo vertixinoso que moitas veces os propios afeccionados ao fútbol non queremos ver. A Federación Española de Fútbol (RFEF) é posiblemente a entidade de fútbol oficial máis corrupta de Europa. Non é unha afirmación gratuíta. Desde 2006, a RFEF estivo envolta en varios escándalos de corrupción que puxeron en dúbida a súa integridade e transparencia. Por exemplo, o Caso Soule (2017), que implicou ao expresidente Ángel María Villar e ao seu fillo Gorka Villar en delitos de administración desleal, apropiación indebida e corrupción nos negocios. A investigación revelou que Villar utilizou a súa posición para beneficiar a persoas próximas a el, causando un prexuízo económico de aproximadamente 4,5 millóns de euros á federación. Pero non é o único tema. O Escándalo da Supercopa de España (2020), onde Luis Rubiales foi investigado por corrupción relacionada coa organización da Supercopa en Arabia Saudita. Este acordo xera uns 40 millóns de euros anuais para a RFEF e foi criticado pola súa falta de transparencia e polas comisións implicadas. Tamén investigacións recentes (2024) nas que a Garda Civil rexistrou a sede da RFEF e detivo varios directivos por supostos delitos de corrupción.

E logo colles o currículo do seu recén elixido presidente e pensas 'vaia fenómeno!' Rafael Louzán, un home de poder e sombras navegando polas augas turbias da política e o fútbol, deixando tras de si un ronsel de acusacións e sentenzas. Condenado por prevaricación e inhabilitado para cargos públicos, emerxe entre subvencións irregulares e procedementos ficticios. A súa elección como presidente da RFEF reflicte un sistema onde a corrupción campa ás súas anchas.

Este ano, a RFEF deberá negociar os dereitos televisivos da Copa do Rei, un proceso que xerou ingresos superiores a 120 millóns de euros nas últimas tres tempadas. Todo parece arranxado para ter o Madrid na final porque é o que vende e permite negociar á alza os contratos televisivos debido á súa audiencia. Non é unha competición adulterada. Iso soa a eufemismo. É unha competición corrupta. Dende a cachola ós pés. A Copa do Rei pasou de ser ese 'torneo das sorpresas' a este chanchulleo ás claras. Por iso o seu compañeiro de palco no Bernabéu, na súa mellor versión machista, paternalista e patriarcal, recomendoulle que se relaxase. Porque todo estaba máis que guionizado.

Nos noventa, o grupo 'Celtas Cortos' tiña un tema que describía perfectamente esta sensación: 'Tranquilo /no te pongas nervioso/Tranquilo/Tranquilo majete en tu sillón'. Pois iso: tranquila presidenta. O mellor sería mostrar a náusea que nos provoca isto e facer outra competición pola nosa banda ou alzar as voces contra estas manobras corruptas. Pero non só o Celta, senón todos os demais. O mellor tamén sería que o estado actuase dunha vez e non consentise isto. Probablemente ese sexa o único camiño.

Ver detalles de la publicación